"Sempre se chega a algunha parte se se camiña o suficiente" (Lewis Carroll, Alicia no país das marabillas)
A nosa Biblioteca avanza, porque o tempo así o require, adaptándose a novos xeitos de informarse e de aprender, para educarnos no uso crítico da información e facer da lectura un hábito cotián imprescindible. Tamén para crear, fomentando a elaboración propia de contidos escritos, audiovisuais, científicos, tecnolóxicos, artísticos... para participar como corresponde na sociedade actual.
A nosa Biblioteca avanza, porque o tempo así o require, adaptándose a novos xeitos de informarse e de aprender, para educarnos no uso crítico da información e facer da lectura un hábito cotián imprescindible. Tamén para crear, fomentando a elaboración propia de contidos escritos, audiovisuais, científicos, tecnolóxicos, artísticos... para participar como corresponde na sociedade actual.
Este curso será o terceiro que formamos parte do Proxecto Biblioteca Creativa da Consellería de educación, que supuxo para a nosa escola a entrada de novos recursos como a robótica, a impresión 3d, recursos tecnolóxicos e moitos materiais para experimentar, crear e construir. Tamén será o terceiro curso explorando o terreo da lectura dixital co proxecto ELBE2.
O pasado 25 de outubro a nosa escola presentaba en Compostela o traballo realizado no curso 18/19, na Xornada Biblioteca Creativa "Comunicación e Cidadanía", da man dunha mestra do equipo.
E o pasado 15 de novembro a mestra de AL e unha das mestras de PT participaban na xornada Biblioteca Inclusiva. Cidadanía na diversidade, onde recibiron formación para que a nosa Biblioteca e a nosa escola saiban ser entornos de convivencia e de cidadanía tolerante e solidaria, que ofrezan posibilidades educativas para todos e todas.
Doce anos hai que comezábamos con ilusión a nosa andaina no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería, doce anos onde a formación do equipo foi constante, sempre coa teima de traer o mellor á nosa escola. Aprendemos e compartimos con todas as Bibliotecas Escolares de Galicia, facendo proxecto común. Abofé que funciona.
Ao mesmo tempo o noso Plan de Formación no centro introducía a todo o profesorado nos principios básicos do traballo cooperativo e no modelo educativo baseado nas competencias do alumnado. Así os nosos pasos no deseño e desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe e tarefas integradas foron levándonos cara outro modelo educativo significativo, activo e motivador. E chegaron os recoñecementos no Concurso de Proxectos, que nos indican que imos por bo camiño. Satisfeitas e agradecidas.
Neste percorrido estivemos acompañadas das familias do alumnado, que de diversos xeitos se foron sumando ás nosas aventuras, participando como modelos eficaces para os nenos e nenas, e do Concello de Salvaterra prestando o seu apoio e servizo cando o precisamos.
E agora chegou o mellor agasallo para a Biblioteca de Leirado: un novo espazo, maior, accesible, cómodo e atractivo, xunto con novos recursos para todo tipo de actividades, para todos os intereses, para todas as capacidades, na vangarda dos espazos educativos, grazas ao proxecto LIA2 da Consellería de Educación. Non podemos estar máis contentas nesta pequena escola pública e rural.
Moi pronto abriremos as portas para presentar á Comunidade Educativa a súa nova Biblioteca, a de todos e todas, xunto cun pequeno acto de inauguración oficial.
Vémonos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario