Mostrando entradas con la etiqueta Proxecto Xogamos?. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Proxecto Xogamos?. Mostrar todas las entradas

23/6/19

FIN DE CURSO E DE PROXECTO

Este curso que remata intentamos visibilizar o xogo como actividade con moito potencial no noso desenvolvemento. Indagamos para coñecer moitos máis xogos e curiosidades sobre eles, puxémolos en práctica, aprendemos con eles e  creamos moitos. Falamos sobre o xogo coas nosas familias e compartimos o que iamos facendo de diferentes xeitos.


Nesta andaina colaboramos co CEIP Santiago de Oliveira, porque tamén andan interesadas neste tema. Compartimos e xogamos na Mostra do Xogo e o Xoguete no Parque da Canuda. Nos vos perdades o ben que o pasamos!
Podedes ver as reportaxes da Mostra e moitas das cousas que fixemos no blog do proxecto:



Para rematar mirade que agasallo recibimos do alumnado de Santiago de Oliveira: xogos de tabas feitos por eles!


Xa están na nosa sala de xogos

Un pracer a colaboración neste proxecto tan divertido!

FELICES VACACIÓNS, e non esquezades xogar moito coas amizades, coa familia, coa Natureza, coa imaxinación...


17/5/19

LETRAS GALEGAS: ANTONIO FRAGUAS

Traballamos sobre o autor homenaxeado coa prosta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega: preparar xogos en todas as aulas para logo compartir e xogar todos e todas.
Así que, co estupendo material preparado polo Seminario Galán, seleccionado por niveis, puxémonos mans á obra e despois expuxemos as nosas producións para que xogase todo o mundo. Un éxito!







24/3/19

ESCORNABOTS POÉTICOS

Unha forma diferente de ler poesía levounos á Biblioteca esta semana: uns taboleiros para os escornabots nos que percorrer os poemas de diferentes formas, segundo o nivel.



E así de ben o pasamos:


17/3/19

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

A poesía xoga coas palabras, expresa dun xeito creativo, musical, lúdico, emotivo... ler poesía, interpretala e crear poesía non pode faltar na nosa formación, literaria e persoal. Así o lembramos:


6/3/19

ENTROIDO 2019

Este ano achegámonos ao coñecemento do Entroido galego e a súa variedade de personaxes típicos ao longo da nosa xeografía. 





Ademais, e coma sempre, elaboramos os nosos disfraces e celebramos a festa coas outras escolas de Salvaterra, no Parque da Canuda. Preme na imaxe para ver como traballamos:




16/2/19

ANÉCDOTAS DOS XOGOS: LECTURA

Chegou á nosa Biblio "Los días pequeños", de Pep Bruno, un libro que fai boa literatura das cousas máis cotiás, dos aconteceres dos habitantes nun pequeno pobo. Para non perdelo de vista.
Nel achamos unha divertida anécdota de xogos infantís, como as que nos contaron as  familias ou como as nosas, porque todos temos algunha que contar. 
Mirade  e escoitade :"El niño Antón y la patineta"



10/2/19

A NENA Á QUE NON DEIXABAN SER FELIZ

Esta foi a escolla de Guille, o pai de Xián, para a lectura coas familias en 5º e 6º. Este é un relato que da moito, moito que pensar e falar, sobre o que queremos ser, o pensamento crítico contra as imposicións da sociedade, o consumo, o xogo, a creatividade... e a felicidade.
O autor e a ilustradora poñen ao noso dispor esta guía de lectura e escritura, ben interesante.

Moitas grazas Guille.



25/1/19

DÍA ESCOLAR POLA PAZ 2019

Dous equipos  do voluntariado da biblioteca están xa preparando as lecturas que nos presentarán a todo o cole na conmemoración do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia. Lecturas compartidas, para pensar e conversar. Este é o plan:


Ademais traballamos na preparación en todos os grupos dos nosos Decálogos para xogar en PAZ, de acordo co noso Proxecto deste curso. Pronto poderemos velos polos corredores da escola.


12/1/19

IRIÑA BAILARINA

María, a mamá de Olga, leunos a 1º e 2º o conto de "Iriña bailarina" que nos introduce o tema da igualdade. Iriña, unha bailarina de caixa de música, que non está disposta a aceptar o seu rol e loita por poder desempeñar outros que non lle estaban asignados.


21/12/18

XOGUEMOS EN IGUALDADE

Durante o mes de novembro aprendemos no cole esta canción do libro disco "No pais do vento", que vai tamén nas nosas recomendacións de Nadal. Da aula de 4º saiu esta produción audiovisual experimentando cos novos recursos da Biblioteca e uníndonos á campaña Xoguemos en igualdade, protagonizada polos Bolechas.
Tamén estamos aprendendo no noso proxecto deste curso que a través do xogo desenvolvemos aprendizaxes, habilidades e valores que nos van formando como persoas. Así que, escollamos os xoguetes guiados polos nosos intereses e libres dos estereotipos de xénero.

17/12/18

BIBLIOTECA CREATIVA

A nosa Roboteca onde o curso pasado atopábamos os escornabots e máis o xogo de engrenaxes, acolle agora máis recursos para idear e crear con diversos materiais. Nela atoparemos xogos e libros que nos axudarán a desenvolver as nosas ideas e aprender colaborando cos demais, recoñeceralos con esta etiqueta. Así que agora este recuncho levará tamén un apelido: Roboteca Argalleira.




Nela apareceu un caixa de Lego Wedo 2.0, que os nenos e nenas de 6º nos presentan despois de ter indagado e traballado para conseguir montar  robots: 

12/12/18

VOLTAMOS COAS FAMILIAS LECTORAS

Para os máis pequenos de Primaria veu Bea, a mamá de Eloi, para  deleitarnos co  conto do "Soldadiño de chumbo". Libro de Hans Christian Andersen e traducido por Tareixa Alonso, da editorial Kalandraka.


Un relato con penas e alegrías que ten un final feliz, ou se cadra un pouco triste.

Para 3º e 4º a elección de Sandra, mamá de Miriam, foi Titiricircus, que nos abre a porta ao fantástico mundo do circo e dos títeres.



30/11/18

XOGAMOS COA CIENCIA

Remata o mes de novembro, no que nos adicamos á ciencia en galego e ao noso proxecto Xogamos?
Recibimos novidades de ciencia en galego que se uniron aos nosos fondos de sempre, para o préstamo e para os traballos das  aulas.

 Realizamos algunhas experiencias divertidas que contamos así:
          
          
           
          
          

ESTATÍSTICA DOS XOGOS

Xa temos os resultados das nosas enquisas e investigacións sobre o xogo, comparando os nosos cos dos pais e nais, avós e avoas. Atopamos algunhas diferenzas e descubrimos cousas que non sabíamos, froito das nosas conversas nas casas. Representamos os datos obtidos de diversas formas e redactamos as conclusións, cadaquén en relación ao seu nivel.




14/11/18

A AMORA NA SILVA

 




"Estando a amora no seu lugar
veu a mosca para lle picar.
A mosca na amora,
a amora na silva,
a silva no chan
e o chan como é duro
de todo ten man."




Continúan na aula de maiores de Infantil encontrándose coa literatura, coas boas historias, para escribir, ler, falar e escoitar a partires delas e con elas. Neste caso cun acumulativo rimado popular, dos que nunca fallan, porque xogar coas palabras conecta coa infancia, porque repetir ese percorrido esperado encanta e divirte.

 Tamén o escornabot quixo seguir a secuencia da historia, acompañado destas pequenas e pequenos, revivindo a historia, as palabras e o ritmo.




8/11/18

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Que ben nos vai esta celebración co noso proxecto deste curso e coa nosa planificación!
O equipo de Dinamización da Lingua Galega proponnos que "Xoguemos coa ciencia", porque tamén nos xogos hai ciencia e porque a ciencia da moito xogo.

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/1151

http://xogamosmellorxuntos.blogspot.com/
 Así que investigaremos e xogaremos este mes e xa iremos amosando os resultados.
Ademais estamos traballando arreo para facer públicos moi pronto os resultados das enquisas que realizamos nas nosas familias sobre o xogo nas nosas vidas. A Estatística é unha parte das Matemáticas imprescindible para os científicos e científicas, porque é a que se encarga de rexistrar, contar, medir, organizar e presentar datos. 

 

27/10/18

ACTIVIDADES DÍA DA BIBLIOTECA

Esta semana a nosa Biblio estivo de celebración do seu día, por iso quixo facerse notar. 
O primeiro foi entregarnos as mochilas viaxeiras, que andarán polas nosas casas todo o curso.


 Logo a Biblio convidounos a xogar para coñecela mellor:


E os compoñentes do Club de Lectura tamén puideron recoller a súa primeira lectura deste curso:



 
BOAS LECTURAS A TODAS E TODOS!

22/10/18

E CHEGA O DÍA DAS BIBLIOTECAS

Todo disposto para unha chea de actividades!
Atención!


10/10/18

XOGAMOS?

Presentamos un novo proxecto que nos levará polos carreiros da ilusión, asombro, creatividade, interacción, comunicación, aprendizaxe... e unha morea de cousas máis. Comezamos.
Compartimos proxecto este curso co CEIP Santiago de Oliveira de Ponteareas, no que tamén andan interesadas en xogar.